
Entrevista co ex presidente do parlamento
Vitorino Núñez: ‘Franqueira foi o meu mestre’
Xan Carballa . Finalizou a carreira política como senador do PP. Vitorino Núñez (Quiroga, 1936) estivo na primeira fila do centro-dereita en Galicia en todo o período democrático. Na entrevista percorre parte dunha biografía que o levou polas presidencias da Deputación de Ourense e do Parlamento de Galicia, recoñecéndose especialmente no maxisterio de Euloxio G. Franqueira. Desde xuño de 2007 é vogal do Consello de Administración de Promocións Culturais Galegas. Este mes foi recoñecido como fillo predilecto do concello natal.
Vitorino Núñez. Paco Vilabarros
Como chegou á política?
A miña experiencia viña da función de secretario de administración local e por iso digo que esa vinculación faime ser un convencido municipalista. Máis adiante estaba traballando nas empresas de Gómez Franqueira e iso abocoume á política inevitablemente. A experiencia de secretario e a relación co cooperativismo agrario fóronme moi útiles. No 1979 tiven que acceder, case de rebote, á presidencia da Deputación, porque a última hora David Ferrer non quixo asumir o cargo, non me custou facer os primeiros trámites porque estaba afeito profesionalmente.
O vinculo con Franqueira é decisivo?
Foi anterior á política propriamente, porque sendo secretario do concello da Rúa, ofreceume unha asesoría xurídica e traballei con quen xa era unha referencia económica en Ourense. Unha vez dixen que despois de meu pai foi de quen máis aprendín. Tiven ocasión de traballar perto dos tres políticos galegos máis importantes do centro-dereita nesta xeira democrática: Fraga, Pío Cabanillas e Franqueira. E cada vez axigántaseme máis a figura de Franqueira como moi superior aos demais. Tiña un equilibrio entre cabeza e corazón dificilmente igualábel.
Dos tres era o que conectaba directamente coa anterior etapa democrática.
Estiveron nun tris de pasealo en xullo de 1936 como responsábel das Mocedades Galeguistas no Ribeiro. Un funcionario que despois traballou comigo no concello de Cenlle viuno entre dous escopetóns e simulando que levaba unha pistola no peto díxolle ao xoven Franqueira que marchara para casa, que non eran horas de ter á nai preocupada. Salvouno e ao día seguinte marchou para o fronte como maneira de escapar. Franqueira foi electo procurador en Cortes en 1967 e 1971, e dixo que a aquela elección fora singularmente porque así perdía menos tempo nos despachos. Eu participei, como todos os que estabamos perto del, na xeira de 1971 e despois, xa en democracia, estiven en todos os seus proxectos políticos. Naqueles anos houbo intentos de sacalo do medio, como fixeron con Ricardo Martín Esperanza en Caixa Ourense, pero era moi difícil removelo coa estrutura esparexida das cooperativas. Daquela formamos unha asociación, Acción Política Orensana, que despois ía entrar no Partido Popular de Pío Cabanillas. Pero, logo dun brillante congreso en Madrid, o propio Pío díxonos que mellor que non ingresásemos. Daquela fixemos un convenio de asociación, e despois integrámonos no conglomerado da UCD para ir ás eleccións.
O centro-dereita acudiu dividido en dúas opcións ás eleccións de 15 de xuño de 1977.
Celebramos unha comida en Oseira, con Franqueira, Fraga, Cabanillas, Robles Piquer e o futuro núcleo da UCD na provincia. Pero aos poucos días Fraga funda Alianza Popular (AP). Franqueira dí que aí non ía, e resumíao nunha frase: “teño máis claro o que non son que o que son. Sei que pola esquerda limito co PSOE e pola dereita se me falan como unha do 36 non quero saber nada e se é civilizada sentámonos a falar”. A de AP non lle parecía a dereita coa que el podía sentar.
A resistencia ourensá da U.C.D.
e o nacimento de Coalición Galega.
A UCD foi en Ourense a circunscripción onde resistiu mesmo en plena debacle de 1982.
No 1977 non tivo maioría absoluta en Madrid pero en Ourense logramos catro dos cinco deputados e tres dos catro senadores, entre eles Luís González Seara. Cunha diferenza co outro senador electo, Celso Montero, de 90.000 a 20.000 votos. No 1979 baixamos só un deputado. En 1982 UCD saca once deputados en toda España, e dous son en Ourense, Pío Cabanillas e Gómez Franqueira; e un senador, Xosé Quiroga.
E en 1983 surxe o proxecto de Coalición Galega, nucleado tamén na figura de Franqueira?
A idea é que a o vacío político da desaparición da UCD non podía quedar sen cubrir. Pensamos nunha plataforma de espera, que nos agrupase temporalmente, chamada Centristas de Ourense. Houbo conversas con AP e co Partido Galeguista. Con AP non había onde ir porque non recoñecían que eran minoría. Por iso en Ourense nos coligamos co PG baixo a sigla Coalición Galega. En Pontevedra e Lugo buscaron tamén unha fórmula parecida cos restos da UCD, pero con outro nome, e na Coruña agrupáronse no PGI (Partido Galego Independente) de Meilán Gil. Os resultados foron discretos agás en Ourense que tivemos maioría absoluta na Deputación e en máis de 78 dos concellos que ao final, por pactos diversos de AP co PSOE e mesmo co PC ou o Bloque, quedáronse en 64. O resultado de Ourense é o que impulsa en xuño de 1984 a extensión de Coalición Galega e a conformación como partido galego cun congreso moi soado no Mercantil de Vigo, con presenza como convidado de Miquel Roca. Pero en setembro dese ano Euloxio Gómez Franqueira sofre o accidente cerebro-vascular.
Saída de C.G. e coalición do P.P.
En 1985 Coalición Galega, xa con Franqueira retirado, acada 11 deputados, pero vostede non está.
Nós demos un paso atrás por razóns que son bastante desagradábeis de debullar.. Franqueira non se ía presentar pero tiña un esquema que, estou convencido, que naquel momento nos tería dado a maioría absoluta. A súa idea era que en Lugo encabezase as listas Antonio Rosón, e se Díaz Fuentes non aceptaba que marchase. Rosón aceptou nunha comida con Franqueira só tres días antes de producírselle o derrame. O martes seguinte tiña previsto cear con Enrique Marfany para concretar que encabezase na Coruña, gustáselle ou non a González Mariñas; por Pontevedra iría Víctor Moro e por Ourense non sei quen, pero eu non porque estaba abondo ocupado coa presidencia da Deputación. A dúbida era se Víctor Moro debía, ademais, presentarse como candidato á presidencia da Xunta. Ao enfermar Franqueira comezaron as batallas, tardamos en buscar candidato, o partido estaba acéfalo e eu fun dos que forcei nomear candidato a Víctor Moro. Se tiñamos bos resultados xa tiñamos un líder sobre o que nuclear o partido. Aínda que conseguimos o nomeamento a fins de marzo, fixéronlle a vida imposíbel e en maio dimitiu. A min suspéndenme de militancia porque me reúno publicamente en Pontevedra con Raxoi, Albor e Pío Cabanillas para dicirlle que a familia Franqueira non vía de recibo un pacto con AP en Ourense. Non tiña que pedir permiso a ninguén para atender esa invitación, non me ocultei, pero aos dous días estando en Sanxenxo leo nos periódico que estou suspendido de militancia e rachou todo.
Nas eleccións de 1989 Centristas de Ourense vai en coalición co PP e acadan a maioría absoluta.
Fraga convidoume a xantar en Madrid sabedor de que sen o apoio explícito de Centristas non se presentaría. A maioría absoluta non é propiamente do PP, senón da coalición PP-Centristas de Galicia.
O PP logrou unha grande unidade interna, pero os relevos de Fraga e Aznar, removeron as augas.
Así como a democracia fai demócratas a autonomía fai autonomistas. Hai persoas que anos atrás non se podían considerar autonomistas e hoxe sono. Coido que convencidos.
Vostede viviu moitos procesos internos, os ataques ao liderato de Raxoi como os ve?
Son asuntos consubstanciais aos partidos, sobre todo cando non están no poder. Un partido é un corpo vivo e se o PP é, ou quere ser, o resultado da maioría natural de centro dereita, ten un espectro tan amplo que é normal que haxa discrepancias entre a parte máis á dereita e a máis esquerda dese abano. Ás veces penso que non lle viría mal ter un partidiño á dereita –con seis ou sete escanos–, igual que o PSOE ten a a IU. Hai xentes no PP que son da corda do que era AP, pero despois da refundación as cousas mudaron. E eu non tería ingresado en Alianza Popular.l
'Fraga era un profesional do mando'
Que retrato faría de Fraga?
Fraga é excesivamente impulsivo para certas accións políticas. Definilo a estas alturas... Quizais ten un chisco de egoísmo, pero soubo fabricarse unha imaxe moi positiva. Coida os detalles, as apariencias. Pode resaltar que viaxa en terceira aínda que ao pé do tren o estea esperando unha limusina. É un profesional do mando que mesmo recoñecía que non valía para facer oposición.
Por que remata a súa actividade política pública?
No 1989 retranqueeime deliberadamente á Presidencia do Parlamento, porque a etapa final da Deputación fora moi intensa, con ataques xudiciais, aínda que nunca tiven que ir a xuízo. Botei dúas lexislaturas no Parlamento galego e un día chamoume Fraga para dicirme que perdera a confianza dos meus compañeiros de lista. Eu díxenlle que, en todo caso, terían perdido eles a miña porque antes ninguén os coñecía. Fraga é un home que non arrisca, unha diferenza grande con Franqueira, que nunca deixaría un home seu no camiño. Lonxe de defender a miña candidatura apoiou outras. Despois botei seis anos no Senado e o partido non me renovou. En todo caso, a mentalidade de político é independente de ter un cargo ou non.
‘Sempre lle recoñecín a Suárez Canal que fixera oposición política e non persoal’
Nos primeiros anos democráticos, na Deputación de Ourense eran soados os duros debates co actual conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal. Linlle a vostede nunha entrevista que quizais era que daquela todo se estaba facendo desde cero.
Tratábanse nos concellos, e tamén na Deputación, todos as cuestións políticas coma se realmente estiveses nunhas cortes constituíntes. Desde facer as actas como Diarios de Sesións ou presentando mocións sobre toda caste de temas. Como non había regulamentos orgánicos as sesións non tiñan fin e se eu lle retiraba a palabra enseguida me chamaban fascista. Alfredo Suárez Canal fixo unha oposición contundente e con habilidade que sempre lle recoñecín, porque era oposición política, non coma noutros momentos que primaron as descualificacións persoais.
1 comentario:
Viste que tu poetisa favorita tiene blog? http://www.desalojada.blogspot.com/
Publicar un comentario